Galicia- Lucía Senande
A anciá que aparece na parte superior é unha personificación de Galicia (con touca e os pendentes típicos asociados ó traxe tradicional de Muros), englobando de forma metafórica as distintas características e costumes da cultura galega.
Deste xeito, na parte interna do debuxo amósanse elementos propios da arquitectura típica coma casas e soportais de pedra,estes últimos son tanto espazos que formaban parte de lugares comúns coma de prolongación da vivenda.
Vemos así mesmo castros e petroglifos, que supoñen a exposición da antigüidade (o neolítico ou a cultura castrexa).
Por outra parte os elementos naturais como as prantas ou os toxos denotan a abundante vexetación que inunda Galicia.
O lado máis místico está representado pola Santa Compaña, que avanza vestida con túnicas brancas e portando farois.
Outro elemento que plasma o sentir supersticioso da zona é a presenza dunha fogata, aínda que esta non forma parte dunha tradición exclusivamente nosa, si supón unha peza importante na cultura galega, non só na noite de San Xoán, senón que tamén se usa en rituais de purificación e protección.
Por último na parte exterior da lámina, a cultura mariñeira adquire protagonismo deixándose ver en obxectos como a áncora, o barco ou o peixe.
Así mesmo a vida agrícola atópase reflexada no hórreo e nas mazarocas de millo.